AFIRMA SOTELO, por Francisco Sampedro

AFIRMA SOTELO

Francisco Sampedro.


O bo facer (como artesáns das letras) de Guillermo Ferrández, cristaliza nesta súa última entrega.  Cando un comeza a ler esta espléndida novela, acode á mente unha escrita fílmica, rememórase “Afirma Pereira” de Tabucchi, representada cinematográficamente , no estilo grave, incisivo, e feliz por Roberto Faenza. 

O tal Sotelo –do que nos fala o autor- compón ese ser humano inane, parvo, unha persoa sen vida propia. Un ser inocente, un miña xoia, que vén de xubilarse do seu traballo nun banco (excepcional a descripción que Ferrández nos ofrece arredor desa actividade –máis ben, pasividade). Sotelo é un apoucado, un anodino. Igual que Pereira.  E de súpeto ocorre algo que vai mudar substancialmente  a vida de ambos.  O anuncio médico do seu deshaucio, no caso de Sotelo. O tedio, e a obsesión pola morte, no do luso.  Esas circunstancias, esa situación límite, conducen a un compromiso existencial forte, e, nos dous casos tamén político. Pereira descobre o vitalismo colaborando cos antifascistas en Portugal. Sotelo, tendo á morte nas portas, decide partir cara o Sul. Algo dille que alí vai topar a liberdade da que non gozou nunca antes. E, efectivamente, atopa –igual que Pereira- na solidariedade cos oprimidos (neste caso, a explotación das mulleres e dos inmigrantes) a súa “redención”. Vive por vez primeira cando encontra esa miseria e se implica na súa denuncia. Nese estrito momento, Sotelo comeza a vivir. A morte presentida inexorabelmente, para el, non significa ningunha fin, ao revés: intúe un inicio. Sotelo dá sentido á vida mediante a solidariedade. O cal significa abandonar o pathos da finitude, ese buraco alimentado por unha caste de hiperbolización da individualidade…, un autismo, a fin de contas. 

E ese  inicio compromete un monólogo interior de alta cualidade -algo a salientar na prosa de Guillermo Ferrández, e que constitúe o fío conductor da novela-.  O autor exemplifica a denominada como visión de paralaxe: o impacto promovido por un cambio de incidencia na observación. O efecto de mudar a posición do observador sobre o que este percibe. E tal mudanza implica a solidariedade como antídoto ao medo, a cousificación. Sotelo, antes,  non pintaba nada, entraba na categoría de “cousa”. 

A ficción sérvelle ao autor para realizar unha reflexión verbo da morte optimamente conducida, con retallos de relato noir,  por veces de auténtico thriller.  Recomendábel sería unha adaptación ao cine desta obra. (A ver se hai directores que se animen, e na Galiza existen).  

Este libro –que se lé con fruición- responde asemade a unha proposición: como elaborar unha literatura desde o compromiso existencial. Non só á raíz do tema que aborda (a finitude), senón tamén pola conducción dese compromiso cara unha saída socialmente productiva. O cal o emparenta na liña rexia dos grandes (Sartre e Camus, por só citar aos referentes máis coñecidos).  

O monólogo do protagonista –conducido maxistralmente polo autor ferrolán- pódese mesmo ler como un ensaio. Nel reflexiónase, en efecto, sobre as fundamentais cernas da filosofía: a linguaxe, a política, o inconsciente, sentido da existencia…., nada menos ¡!!

A filosofía tal e como a comprende Spinoza comeza pola superación da parcialidade egocéntrica, pola denuncia dos prexuízos que o egocentrismo comporta. A razón corrixe a óptica (a paralaxe) deformante  da dor propia e, en definitiva, da morte propia. A razón distáncianos desa fascinación do eu que resulta paralizante e impotente. Cómpre desprenderse de toda enfatización dos acontecementos designados co adxectivo posesivo da primeira persoa. O auténtico reactivo contra o egocentrismo é pensar na humanidade toda, quer dicer: pensar xustamente na vida. En ningún caso pór ao ego como centro desta –que, á parte de constituír un fracaso, é absolutamente estéril e impotente-. O recoñecemento propio e cabal do principio de individuación non conduce á hipervaloración frustrante do eu. Unicamente se recoñecemos que existe a morte verdadeira clausurando totalmente a vida do individuo, recoñecendo en suma a finitude, podemos recomezar unha nova vida. A actividade individual voltarase comunitaria e social, para o progreso da humanidade e a loita contra calquera tipo de división (eu/outro, amos/servos, sabios/ignorantes, home/muller, vello/mozo, etc.).

(publicado en Nordesia, el 5 de Noviembre 2022)

Benvido este libro, onde se expresa –na voie royale- que o gran perigo existencial consiste, no ronsel dun Spinoza (xa citado), ou dun Toni Negri, en outorgarlle á morte o poder sobre a vida. Conseguir organizar a vida para superar a morte é un deber da humanidade, un deber tan importante como o de facer cesar a explotación. Cada un de nós é responsábel da súa singularidade, do seu presente, da intensidade da vida. É o único modo de evitar a morte: cómpre atrapar o tempo, mantelo, enchelo de responsabilidades. Cada vez que se perde iso a causa da rutina, dos hábitos, da fatiga, da depresión ou do furor, perdemos o sentido “ético” da vida. A eternidade consiste nisto: na nosa responsabilidade frente ao presente, en cada momento, a cada instante. Tal é a elección de Sotelo, tal a súa afirmación da vida.

Comentarios

Entradas populares de este blog

presentación de LA CONFESIÓN DE SOTELO

La Confesión de Sotelo, de Guillermo Ferrandez